A comarca de Bergantiños é unha das máis fermosas da provincia da Coruña. Esta pode ser unha afirmación subxectiva, non obstante, existen varios lugares que poderían darnos a razón. Por isto, ímosche ensinar os 7 lugares máis fotoxénicos de Bergantiños. Iso si, desde a nosa perspectiva. Imos?

7 lugares máis fotoxénicos de Bergantiños para este inverno

Faros de Punta Nariga (Concello de Malpica) e Roncudo (Concello de Ponteceso)

Si, fixemos unha pequena trampullada, pero é que é difícil elixir entre estes dous faros tan significativos. Ambos son únicos e teñen unha atmósfera única par todo tipo de fotografías. As noites de estrelas en Nariga (Malpica de Bergantiños) quitan o alento e son perfectas para astrofotografía. É certo, o seu faro é un dos máis fotoxénicos da Costa da Morte.

O Roncudo (Corme) non se queda atrás. O apéndice que forma o cabo vaise metendo paseniño cara o mar, como un monstro mariño que se vai mergullando pouco a pouco nas profundidades do atlántico. Outra posta de sol Difícil elixir aquí.

7 lugares mais fotoxenicos de bergantiños
Faro Roncudo | © OCO Xeración de Contido

Praias de Soesto e Traba (Laxe)

Outra vez coas trampas. Pero sexamos realistas, é imposible decidirse entre estas dúas praias. Se vas nun deses días fríos pero solleiros de inverno, probablemente esteas completamente soa –exceptuando algunha surfista local ou viaxeiras camper–. En calquera caso, as areas brancas e desertas contrastan cun azul límpido que, durante a posta de sol, vai collendo esas tonalidades cálidas tan características e fermosas. O inverno non é un freo nestas latitudes.

Refuxio de Verdes (Coristanco)

En Galicia, especialmente en verán, somos moi de ir a merendeiros para gozar do bo tempo e a boa comida con familia e amizades. O bo destes lugares é que, en inverno, non hai tanta xente e en concreto, no de Verdes, a atmosfera parece sacada dun conto de fadas. Mistura entre as cores cálidas do outono, os verdes perennes e o frío da auga baixando polos regatos. Outro lugar para pasar unha tarde de fotografía en Bergantiños.

Refuxio de Verdes | © OCO Xeración de Contido

Férveda de San Paio (Carballo)

Tamén hai algo de interior nesta lista. E neste sentido, a férveda de entrecruces ou San Paio, en Carballo, é un lugar fantástico para crear imaxes de longa exposición, desas que evocan regos de serpes brancas e sedosas descendendo polos riscos do monte. Un lugar accesible a pé que, no outono, convértese nunha eclosión de cores e texturas que fan as delicias das fotógrafas e creadoras de contido.

Faro de Brantuas (Ponteceso)

Este lugar é, canto menos, curioso. Rompe bastante coa estética dos monumentos eclesiásticos da contorna e, desde logo, non esperas velo onde está. Este peculiar faro de 39 metros (133 escalóns) elévase sobre un monte de xa 231 metros. Por esta razón, posúe unha vista panorámica fantástica da costa. É un lugar máxico e especial que, sen dúbida, paga a pena visitar.

Faro de Brantuas | © OCO Xeración de Contido

Mirador dos Picotiños (Cabana)

E precisamente esa maxia das vistas panorámicas mantense neste destino. E é que subir a calquera punto alto, sempre vai ser pura vida. Acompañado normalmente dunha boa foto. Aínda que aquí, probablemente, necesites que o día che acompañe con boa luz para que a foto quede ben de verdade. Ollo! Que isto non significa que teña que ser un día despexado e un sol de xustiza. As nubes son a metade da maxia dos sitios, especialmente nestes recunchos.

picotinos_cabana_bergantinos

O banco dos Picotiños ofrece unha vista digna de sesión. No concello de Cabana de Bergantiños, pretiño do Castro de Borneiro, podemos desfrutar do río Anllóns mesturándose coa ría de Corme e Laxe. O que fai a vista moito máis singular é a praia da Barra, que se alza no medio do estuario, dándolle un aire moi característico. Os Picotiños son para nós, entón, un lugar privilexiado para desfrutar dunha vista que o é aínda máis.

Muiños de Ardeleiro (Malpica)

Na costa entre Malpica e Razo, na desembocadura do rego dos muíños, atopamos outra estampa especial. Uns muíños de río que rematan a poucos metros do Atlántico, rodeados de cantís. É unha zona non tan coñecida pero cunha personalidade propia. Cun acceso en coche que, segundo chegamos, ofrece unha vista privilexiada do Atlántico en todo o seu esplendor, cos muíños e o regato á esquerda. Un emprazamento xenial para unha boa sesión de fotos.

Muiños de Ardeleiro | © OCO Xeración de Contido

Outros lugares únicos da Comarca de Bergantiños

Hai outras localizacións, como Monte Neme, a praia de Seaia, a Lagoa de Baldaio, a Praia de Caión ou a praia dos Cristais, en Laxe, que tamén son moi fermosos. Non obstante, e sendo xustas, pensamos que algúns son lugares moi explotados en redes e cos que, en termos xerais, pode competir calquera outro dos puntos que sinalamos máis arriba.

Praia de Seaia (Malpica) OCO Xeración de Contido ©

Gústache esta selección? Como é certo que esta lista é moi curta, que outros lugares engadirías nunha lista máis ampla? Cóntanos nos comentarios cales son os teus lugares favoritos da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte en xeral.

E lembra que, se che interesa, podes contratar unha sesión de fotos en calquera destes 7 lugares máis fotoxénicos de Bergantiños a través do noso servizo de fotografía. Chámanos ou escríbenos sen compromiso a info@oco.gal. Estaremos encantadas de coñecer as túas ideas!


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *