Que é un timelapse
Timelapse ven significar algo así como intervalo de tempo e non ven ser outra cousa que unha secuencia de fotografías tiradas nun intervalo de tempo determinado. Mediante esta secuencia fotográfica, conséguese un vídeo no cal a acción sucede cunha velocidade moi superior á “normal” –sendo a normal que un segundo no vídeo equivale a un segundo na realidade–. Digamos que é, groso modo, unha cámara rápida.
Como facer un timelapse
Modo sinxelo e rápido: co móbil
A día de hoxe practicamente calquera móbil –tanto iOS como Android– desde a gama media xa ten o modo timelapse incluído na súa cámara. En Android, por exemplo, podes entrar na aplicación da cámara e buscar, nos diferentes modos de vídeo, o de lapso de tempo ou timelapse. Nalgúns casos, o teléfono permite modificar parámetros como a velocidade ou a duración para obter resultados variados.
É importante, antes de activar o timelapse, ter o teléfono apoiado nunha superficie estable ou sobre un trípode, pois os movementos poden estragar a túa creación.
Modo intermedio: modo timelapse da cámara dixital
A maioría de cámaras DSLR ou sen espello actuais gravan vídeo en alta definición. Ademais disto, algunhas inclúen modo de timelapse en HD. Nalgúns casos, este modo é automático e non permite utilizar toda a resolución do sensor, polo que para obter resultados profesionais, o ideal é o modo avanzado que che explicamos a continuación.
Modo avanzado: disparo a intervalos
O modo de alta definición de vídeo ou HD –ese que reproducimos ás veces en YouTube como 1080p– utiliza unha resolución de 1920 x 1080 píxeles. Por poñer un exemplo de cámara que grave vídeo a 1920 x 1080 píxels, a Nikon D7200, con sensor APS-C de 24MP. E que quere dicir isto? Pois, para que te fagas unha idea, que a diferencia da resolución entre o vídeo que grava esta cámara e a das fotos que fai é a que ves na imaxe inferior.
Por isto, e dado que un vídeo non é máis que unha serie de fotos unidas nun lapso de tempo, podemos entender que o mellor modo de aproveitar ao máximo a resolución da nosa cámara para un timelapse é facendo manualmente as fotos necesarias nese lapso a través do disparo a intervalos.
En vídeo, a cámara pode gravar ese HD 1080p, por exemplo, a 24, 25 ou 30fps. Este último dato quere dicir o número de fotogramas que leva o vídeo nun segundo. Pois, para saber o número de fotografías que teríamos que facer para un timelapse de 10 segundos, faríamos a seguinte multiplicación: se cada segundo leva, por exemplo, 30 fotos (30fps), e queremos 10 segundos de vídeo, necesitamos 300 fotografías.
Se queremos, por exemplo, facer un timelapse dunha posta de sol que vai durar uns 40 minutos, teremos que facer as 300 fotos nese tempo (2400 segundos). Polo que habería que dividir a duración total do evento (2.400 segundos) entre o número de fotos necesarias (300) para coñecer o tempo que deixar entre foto e foto.
O resultado, neste caso, sería 8 segundos entre foto e foto. Por sorte, existen sitios web que fan este cálculo por nós, ou apps de fotografía como Photopills que tamén o facilitan, incluíndo datos como o peso total dos arquivos.
Unha vez temos claro o emprazamento, as fotos que necesitamos e o tempo que nos vai levar, é necesario planificar a saída, poñer a cámara nun lugar estable (preferiblemente un trípode) e establecer os parámetros para que as fotos queden perfectas. Pero iso da para outro artigo.
Crea vídeos profesionais con timelapses
Falamos?
En OCO Xeración de Contido temos experiencia coa técnica do timelapse e dominamos o seu uso e aplicación en vídeos profesionais. Se queres que che axudemos a crear un vídeo profesional, revisa o noso servizo de creación de vídeo e non dubides en chamarnos ao 623297799 ou escribirnos a info@oco.gal coa túa consulta. Encantaríanos poder coñecer a túa idea!
0 comentarios