A día de hoxe escoitamos a palabra “copy ou “copywriting” moitas veces.

Pero, preguntácheste algunha vez en que consiste esta profesión?

Necesita a túa empresa un copywriter para aumentar as ventas?

Que é o copywriting?

Copywriting é o feito de escribir de maneira persuasiva, de xeito que a persoa que o lea realice a acción que se solicita. E cal é esta acción?

Pois pode ser a que prefiras. O principal obxectivo é convencer ao público de algo que ben pode ser mercar un produto, achegarse ao teu local ou simplemente seguirche en redes sociais. Escríbese para conducir á xente á toma dunha decisión concreta.

De todos modos, o copywriting debe sentirse orgánico e ao mesmo tempo empatizar co potencial cliente. Que non pareza propaganda pura e dura. 

Entón, é unha mestura entre crear contido e facer que unha persoa queira ler ou escoitar determinadas palabras pero, ao mesmo tempo, levala a facer determinada cousa. Que, normalmente, leva consigo un beneficio para quen escribiu o texto en cuestión.

servizos-copywriting

É dicir, é a maxia de facer publicidade ao mesmo tempo que a persoa á que te dirixes saca algo de valor.

Por exemplo, eu agora mesmo estou dedicando o meu tempo a que ti saibas que é o copywriting. Ou o que o mesmo, estouche aportando valor. Dando resposta a algo que ti querías saber. Pero, ao mesmo tempo, tamén estou facendo publicidade, xa que estás no blog da miña empresa onde eu mesma ofrezo servizos de copywriting.

Pero, é o mesmo o copywriting que a redacción de contido?

Aquí é onde hai unha liña fina, pero hai unha liña.

A redacción de contido pode buscar simplemente aportar valor e contar cousas, sen ter unha intención nin un obxectivo moi concretos.

Se eu neste artigo estivese vendendo directamente o meu servizo e o seu obxectivo claro fose que o contratases, xa estarías falando de copywriting. Pero a min váleme que che aporte valor e que decidas quedarte a saber máis. Esta idea é moi vaga, por iso isto caería na redacción de contido. No copy persuadiríaseche moito máis poñéndoche ante os teus puntos de dor (exemplo: diría o frouxos que podes sentir os textos da túa web e a necesidade que ten dunha renovación) cunha solución moi clara pola miña parte, cos meus servizos (prometería atopar as palabras perfectas para conectar cos teus clientes, aumentando deste xeito as ventas).

Este texto, entón, bebe de ambas. Porque a intención do mesmo non é realmente encamiñarte cada un obxectivo claro, senón aportarche valor e que, con sorte, decidas quedarte a saber máis da miña empresa.

copywriting
© OCO Xeración de contido

Entón, o copywriting e a redacción de contido non son o mesmo. A segunda busca aportar valor, facer que potenciais clientes che coñezan e decidan quedarse e tamén xerar confianza. O copywriting busca a venta sen darlle tantas voltas.

E que é unha copywriter realmente?

Ser unha copywriter ou copy é unha profesión. É unha sorte de escritora cun amplo coñecemento en ventas e persuasión. É dicir, unha persoa que sabe escribir e facer que as ventas aumenten grazas ás súas palabras. É unha profesión clave no mundo do marketing.

Por que é importante o copywriting para o teu negocio?

Cando nos incitan a comprar algo cunha publicidade ben feita ou pola leria que a vendedora tiña é máis probable que merquemos. Iso son estadísticas claras e supoño que ti tamén o vivirías en primeira persoa máis dunha vez. Esa sensación que tes ao acabar de mercar algo de “non sabía que necesitaba isto”. Pero, por como cho venderon, pasaches a necesitalo. O copywriting crea esa necesidade en letras. 

Por iso, se queres que alguén saia con esa sensación do teu negocio, da túa web ou das túas redes sociais, necesitas textos que transmitan iso. Cunha estratexia ben feita, o copywriting pode axudarche a incrementar as túas ventas e facer que os teus clientes teñan esa sensación de que a túa empresa está cubrindo unha necesidade que el tiña.

copywriting
© OCO Xeración de contido

Entón, copywriting é o feito de escribir de xeito persuasivo para conseguir que quen o lea faga determinada acción (que idealmente son maior número de ventas) e unha copywriter é a profesional que crea ditos textos. “Copy” utilízase para facer referencia tanto á disciplina, como á profesional, como tamén ao texto en si mesmo. 

Non vou pechar este texto de maneira demasiado persuasiva porque, a pesar de saber facelo, aquí non busco tanto esa venta, como efectivamente que entendas un pouco máis deste mundo e ti mesma te poñas en contacto con nós se nos necesitas.

Síguenos nas nosas redes sociais para estar ao tanto de máis cousiñas do estilo! 


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *